Falar de políticas públicas de infancia é falar de dereitos, pero tamén de compromiso. Cando dous concellos como Tui e O Rosal deciden dar un paso firme cara á planificación local da infancia, é sinal de que as cousas poden facerse doutro xeito.
Estes dous municipios, igual que o fixeron outros antes, están a desenvolver os seus plans locais de infancia, enmarcados na iniciativa Cidade Amiga da Infancia de Unicef, coa vontade de transformar o compromiso institucional nun instrumento útil e realista para a súa cidadanía máis nova.
O noso traballo: acompañar todo o proceso
Desde Atelier SOCIAL tivemos a responsabilidade —e a oportunidade— de acompañar este proceso de principio a fin:
- Diagnóstico participado, escoitando a nenos, nenas, adolescentes, familias, profesionais e entidades sociais.
- Redacción técnica e estratéxica de cada un dos plans, garantindo a coherencia co marco de dereitos da infancia e as necesidades específicas de cada territorio.
- Definición de medidas viables, pensadas para mellorar a vida da infancia e adolescencia no seu día a día.
- Apoio continuo aos equipos técnicos e políticos, promovendo un enfoque transversal e participativo.
- Dinamización da participación infantil, dando voz as necesidades da infancia no seu día a día.
Unha visión clara: a infancia é suxeito activo de dereitos
A clave destes plans non está na novidade metodolóxica, senón na capacidade de facer ben o importante: escoitar, entender e construír políticas reais para as nenas e nenos baseadas na realidade do territorio.Poñer á infancia no centro non como un lema, senón como un criterio técnico e político real, con compromiso, sensibilidade e vontade.
Traballar con perspectiva, transformar con proximidade
Este tipo de procesos non son simplemente requisitos para obter un selo ou recoñecemento, vai mais alá, son ferramentas de transformación social. E cando se desenvolven con coidado, adaptados ao territorio, con participación real e mirada estratéxica, funcionan.
Se o teu concello está a valorar iniciar un plan local de infancia ou reforzar as súas políticas públicas neste eido, estamos aquí para acompañarte.