O benestar emocional da infancia e adolescencia é un dos grandes retos sociais da actualidade. Cada vez son máis os concellos que apostan por coñecer mellor a realidade dos seus nenos, nenas e mozos e mozas para poder actuar con criterio e responsabilidade.
Desde Atelier Social estamos a acompañar ao Concello da Laracha nun proxecto que ten precisamente ese obxectivo: analizar de forma rigorosa o estado da saúde mental e o benestar emocional da poboación máis nova do municipio.
Trátase dun proceso amplo, que se desenvolverá ao longo dos próximos meses e que vai moito máis alá dunha simple recollida de datos. O estudo combina diferentes ferramentas —enquisas, entrevistas e espazos de participación— para construír unha visión completa da realidade.
Un dos aspectos clave do proxecto é o seu enfoque participativo. Ademais do alumnado, tamén están implicadas as familias, o profesorado e profesionais dos ámbitos educativo, social e sanitario. Isto permite incorporar distintas miradas e comprender mellor os factores que inflúen no benestar emocional.
Especial relevancia ten tamén a participación activa da infancia e adolescencia a través do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA), que contribúe tanto á interpretación dos resultados como á formulación de propostas.
Desde o punto de vista técnico, o noso traballo céntrase en garantir que todo o proceso se desenvolva con rigor: desde o deseño das ferramentas ata a análise dos datos. Para iso, empregamos escalas validadas a nivel internacional, como as utilizadas no estudo Health Behaviour in School-aged Children (HBSC) study para medir síntomas psicosomáticos, ou escalas de satisfacción vital que permiten avaliar de forma sinxela como perciben os nenos, nenas e adolescentes o seu benestar no día a día. O obxectivo é claro: ofrecer información útil, fiable e aplicable, que permita ao Concello tomar decisións fundamentadas e orientar as súas políticas públicas.
En Atelier Social cremos na importancia de traballar desde o territorio, con procesos adaptados a cada realidade local e baseados na evidencia. Porque só así é posible avanzar cara a comunidades máis saudables, inclusivas e conscientes das necesidades da súa infancia e adolescencia.











